Monday 29 de April de 2024

A feira do 23, as visitas musicais ao castelo e a xeorruta do Cobre, propostas de Moeche para a fin de semana do Día de Galicia


Achégase unha fin de semana marcada pola celebración do 25 de Xullo, que en Moeche ofrecerá citas de corte cultural o sábado e mailo domingo. Porén, se contamos o venres dentro da “finde” -tendo en conta que moita xente está de vacacións-, tamén cabe mencionar a feira do 23 ou, dito doutro modo, a oportunidade de achegarse a San Ramón para mercar case de todo e a moi bo prezo, botarlle unha tapa de polbo e, en resume, enchouparse na tradición dunha das poucas feiras xenuínas que quedan en toda a comarca.

Porén, a programación do 25-X propiamente dita comezará na noite do sábado 24 cun percorrido cultural e musical polo castelo de Moeche. A área de Turismo organizou tres visitas guiadas a partir das 22.30h nas que se descubrirán todos os segredos arquitectónicos e históricos da fortaleza -que terá iluminadas todas as estancias-, ao tempo que soará de fondo a música do cuarteto de cámara Keilin 4 Ensemble.

Cada unha das quendas do itinerario nocturno durará uns 35 minutos. O aforo estará limitado a 40 persoas por pase, divididas en dous grupos de 20 e 20 participantes. As entradas terán o prezo habitual: 2,50€ a xeral, 2€ con Carné Xove, 1,50€ a reducida -maiores de 65 e menores de 12 anos- e de balde para aquela veciñanza empadroada en Moeche que teña ao día o seu pase anual. En todos os casos fai falla reserva previa a través do correo turismo@moeche.gal ou chamando polas mañás desta semana ao 981 404 006.

A actividade está cofinanciada pola Rede Cultural da Deputación da Coruña e, dentro dela, tamén poderemos percorrer a mostra “Galicia con Exín Castillos” que iluminará para a ocasión a fachada da grande reprodución da catedral de Santiago instalada no Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas.

Domingo 25, xeorruta do Cobre
Ao día seguinte, Moeche e Cerdido estrean ruta xeolóxica compartida para mostrarnos a minaría do cobre que se desenvolveu en ambos municipios durante parte do século XX. Da actividade extractiva quedan aínda galerías soterradas e varias instalacións, como a cheminea de calcinación de Mina Maruxa, unha planta de tratamento químico, balsas de estériles ou entulleiras de materiais sobrantes trala obtención do mineral.

A xeorruta do Cobre desenvolverase entre as 10 e as 14.00h e xa ten cubertas todas as prazas que ofertaba.